Friday 10 de May de 2024

O Concello de Ordes proclámase vencedor da I Liga de Atletismo da Mancomunidade, con 41 medallas de ouro


Trazo e Cerceda completan o medalleiro desta competición, que presenta visos de ter continuidade. Máis de 150 atletas da comarca participaron nas probas de salto, lanzamento, resistencia e velocidade que se disputaron en Vista Alegre
23 novembro 2015. O Concello de Ordes proclamouse gañador absoluto da I Liga de Atletismo Mancomunidade de Ordes tras acadar 41 medallas de ouro, 40 de prata e 31 de bronce. Trazo foi o segundo clasificado con 14 ouros, 11 pratas e 6 bronces; e en terceiro lugar situouse Cerceda con 13 ouros, 8 pratas e 9 bronces. Xa fóra do podio quedou o Concello de Frades que acadou 10 ouros, 7 pratas e 3 bronces; seguido de Mesía con 4 ouros, 2 pratas e 2 bronces; Tordoia 3 ouros, 9 pratas e 8 bronces; e por último Oroso cunha medalla de prata e 4 de bronce.
Nesta I Liga de Atletismo da Mancomunidade de Ordes participaron algo máis de 150 atletas de toda a comarca, que ao longo das últimas tres fins de semana competiron en modalidades como velocidade, saltos, lanzamentos, carreiras de valados, lanzamento e cros resistencia. Nesta última proba a clasificación xeral quedou do seguinte xeito: 300 m Benxamín Masculina: Antón Raña Villaverde, Lucas Sánchez e Jacobo Rodríguez; 300 m Benxamín Feminina: Natalia Argibay e Carla Santos; 500 m Alevín Masculina: Martiño Caneda, Daniel Loureiro, Samuel Fariñas; 500 m Alevín Feminina: Alejandra Souto, Gloria Iglesias, Enma Argibay; 1.500 m Infantil Masculina: Pablo Gómez, Álvaro Viqueira e Daniel Castro; 1.500 m Infantil Feminina: Paula Noya, Andrea Caneda e María Pena; 3.000 m Cadete Masculino: Lucas Paz, Rubén Carrillo e Gaizka Gómez; 3.000 m Xuvenil-Júnior Masculino: Pedro Pose e Agustín Iralde; 3.000 m Xuvenil-Júnior Feminino: Lucía Souto, Lucía Romero e Laura Moar; 3.000 m Promesa Masculina: Manuel Vázquez, Adrián Paz e Abel Muñiz; 3.000 m Promesa Feminina: Bárbara del Puerto e Fátima Iglesias; 3.000 m Veteranos Masculino: Xosé Manuel Boquete e Juan Carlos Martínez; 3.000 m Veteranos Feminino: María José Grobas.

Nova edición
Cabe salientar tamén o alto nivel de asistencia por parte de afeccionados, seguidores e simpatizantes dos clubs participantes, que cada sábado encheron as pistas de atletismo das instalacións de Vista Alegre. Un pulo para os organizadores desta competición que a día de hoxe xa transmitiron a súa intención de poder darlle continuidade a esta iniciativa deportiva. Intención que o pasado sábado xa se compartiu co presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Roberto Rey, que foi un dos encargados de facer entrega de medallas e galardóns o pasado sábado. Acompañándoo tamén estiveron o alcalde e o concelleiro de Deporte do Concello de Trazo, José Dafonte e Manuel Pereiro respectivamente.
Esta primeira edición foi organizada pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes en colaboración co Club Atlética A Silva (Cerceda), contando co patrocinio da Deputación da Coruña.